“Nós éramos guerrilleiras. Síntome orgullosa desta palabra…”, Consuelo Rodríguez López, ‘Chelo’. Memoria da guerrilla galega antifranquista.

O 18 de xullo de 2019, tres meses antes de cumprir os 100 anos, morreu a guerrilleira Consuelo Rodríguez López, Chelo, unha galega entregada á causa antifranquista, tras o levantamento militar de 1936, que fixo parte do SIR (Servizo de Información Republicano), prestou apoio loxístico aos primeiros fuxidos aínda non organizados e levou a cabo arriscadas misións, como guerrilleira da chaira, e posteriormente do monte, integrada na Federación de Guerrillas León-Galicia. Após conseguir pasar a Francia en 1949, residiu algún tempo en Bédarieux e posteriormente marchou a París onde casou co guerrilleiro asturiano Marino Montes. En 1971 o matrimonio trasladouse a Île de Ré, fermosa illa fronte a La Rochelle, onde morreu o seu home en 1989. Chelo nunca quixo saír da súa querida illa e só viaxou catro veces a Galiza e Asturias para participar en actos de Memoria Histórica. Alí morreu.

Desde que a coñeceu e entrevistou por primeira vez, en xullo de 2006, para a elaboración do libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega, Aurora Marco mantivo con ela unha grande amizade. Na entrevista coa que a revista Murguía homenaxea a resistente de Soulecín (Barco de Valdeorras), recóllense parte das respostas de Chelo ás moitas preguntas realizadas pola profesora compostelá nas viaxes que fixo a Île de Ré –unha delas para a gravación do documentario As silenciadas, de Pablo Ces– e nas numerosas conversas telefónicas que cruzaron durante case 13 anos.

*****

Aurora Marco.- Como quero saber todo de ti, e para comezar, gustaríame coñecer algo da túa familia e da vosa vida en Soulecín antes da chegada da República?

 

Chelo.- Miña nai, Amalia López Ojea, era dunha familia moi humilde de Soulecín. Comezou a traballar moi nova para soster a familia porque o pai morréralle aos catro anos. Dedicábase á costura e coa máquina á cabeza ía polas aldeas próximas. En Candeda coñeceu meu pai, Domingo Rodríguez Fernández, namoraron, casaron e foron vivir a Soulecín. Despois de nacer Francisco e Roxelio, meu pai marchou a Cuba para facer cartos. Cada vez que volvía á casa deixaba miña nai preñada e así naceron despois Sebastián e unha irmá xémea, que morreu ao nacer; Alfonso e eu, que somos xémeos, Antonia e Domingo. Grazas aos cartos que fixo, a nosa era unha casa con “capital”.

Traballábamos moito: tíñamos dúas casas, terras en Candeda que tamén traballábamos, e os animais: ovellas, cabras, puchos, porcos… Ademais, miña nai tiña un posto no Barco onde vendía produtos: cereixas, ovos, polos, coellos, manteiga e queixo que facíamos na casa… Eu ía co rabaño de ovellas e cabras e pasaba todo o día no monte. Vivíamos moi ben e éramos felices. Hai datas que sempre lembro asociadas a feitos familiares, como a do día 1 de xaneiro, cando meu pai ía cuarto por cuarto e traíanos a “parva” á cama: unha copa de licor café e un anaco de pantrigo. Sempre comíamos pan negro pero aquel día mercábase do branco. Despois, ao mediodía facíamos butelo con cachelos. Todos son recordos, téñoos gravados.

 

Aurora Marco.- Como lembras a chegada da República e os primeiros momentos da sublevación militar?

 

Chelo.- Eu era noviña pero lembro moi ben as conversas que había na casa cando viña o mestre do pobo, que era comunista, a falar cos meus irmáns Francisco e Roxelio cos que se levaba moi ben, eran moi amigos. Daquela comecei a comprender e a falar…. Estaba aprendendo a coser no Barco de Valdeorras cunhas grandes modistas. Recordo tamén que na miña familia nunca íamos á igrexa e por iso o crego de Santigoso non nos quería, isto traeríanos consecuencias máis tarde… Miña nai era crente e dicía: “Se hai un Deus, escoitarame igual, vaia ou non vaia a misa”.

Engracia e Fe, dúas amigas do Barco, e eu apoiábamos a República e íamos a algunhas manifestacións (despois casaron con fascistas). Cando estalou a guerra vin como as persoas de esquerdas ían ao cárcere, ou caían fusiladas, ás mulleres pelábanas, como lle pasou a unha  das amigas do Barco. Quedoume gravado o asasinato dun mozo da farmacia do pobo, que presenciei cando baixaba a coser. Axiña comezou a mobilización dos meus irmáns. E con ela chegou a traxedia á nosa familia.

 

Aurora Marco.- Ben sabemos o que aconteceu coas persoas (e coas súas familias) que ocuparon cargos ou tiñan militancia en organizacións políticas ou sindicais, durante a República, ou, simplemente, por seren de esquerdas. Que pasou coa túa familia?

 

Chelo.- Roxelio foi chamado a filas e tivo que ir loitar a Oviedo. Tan pronto puido pasouse ao exército republicano e á caída da fronte de Asturias regresou á casa e ocultouse no faiado. Por isto, meu pai e Sebastián estiveron seis meses no cárcere do Barco de Valdeorras. Ao saíren de presidio, Sebastián tamén tivo que ir loitar co exército franquista, caeu ferido no Ebro e volveu a casa cun permiso para curarse. Xa non quixo regresar e decidiu entobarse como Roxelio. Aí comezou todo. En xaneiro de 1939 viñeron facer un rexistro. Cando Roxelio viu a Garda Civil, produciuse un tiroteo, matou un garda e deixou ferido o outro nunha man. Entón, como a casa tiña dúas entradas, escapou pola porta de arriba e con el tamén marchou Sebastián. E xa foron para o monte.

Axiña viñeron prendernos e estivemos no cárcere do Barco miña nai, meu pai e eu. Antonia viña traernos a comida e un día traía unha carta de Sebastián para a moza e, como era unha nena, levábaa enriba da cesta. Viuna un garda civil e ela tamén acabou no cárcere. Cando saímos, tres meses despois, a casa estaba baleira,  levárannos todo e subastaran o gando na praza de Viloria. Tivemos que montar a casa de novo e mercar animais.

Axiña viñeron prendernos e estivemos no cárcere do Barco miña nai, meu pai e eu. Antonia viña traernos a comida e un día traía unha carta de Sebastián para a moza e, como era unha nena, levábaa enriba da cesta. Viuna un garda civil e ela tamén acabou no cárcere.

Aurora Marco.- Cos vosos irmáns Roxelio e Sebastián escapados, imaxino que axiña comezou a colaboración cos primeiros fuxidos e despois cos membros da Federación de Guerrillas León-Galicia, cando xa se organizaron en 1942. Cóntame.

 

Chelo.- Así foi. Ao pouco de escaparen, entraron en contacto cos do monte e coa xente de Ricosende e Soutadoiro, dous lugares onde encontramos sempre xente que nos axudou moito, todas as casas eran “nosas”. Lembro que os primeiros que viñeron vernos tras saír do cárcere foron Girón, o meu irmán Sebastián e Marcelino de la Parra. Daquela comezou a colaboración de toda a familia: viñan pola noite (polo día estaban noutra casa que tíñamos), estaban tres ou catro días, ás veces agachábanse nun refuxio que fixera meu pai con eles pola noite, na devesa. Máis tarde, o meu Arcadio fixo un escondedoiro na corte. A Garda Civil sabíao e vixiaba día e noite.

O 18 de outubro dese mesmo ano [1939], cando abrín a porta a primeira hora da mañá vin todo rodeado pola Lexión, co seu capitán á fronte, Sergio Peñamaría del Llano. Entrou cun pau na man, foi ao cuarto dos meus pais e mallou neles canto quixo. A min, a Antonia e a Domingo metéronnos na corte coas ovellas. Reuniron a toda a xente da aldea na eira para que visen o que ían facer coa nosa familia e collesen medo, porque tamén lles preguntaban se sabían o paradoiro dos meus irmáns. Vin marchar os meus pais polo camiño de atrás. Ao pouco tempo sentín disparos e xa non lembro como saímos de alí; fun cara onde sentira os tiros e atopei unha muller que me espetou: “Xa nos tes pais”. Eu caín redonda. Leváronme para a casa dos veciños e dixéronme que acababan de enterrar a meus pais na beira dun camiño que hai perto da casa. Fun alí e o único que vin foi un regueiro de sangue. Sei que morreron abrazados.

 

Aurora Marco.- Chelo, sei que esta traxedia familiar marcou de por vida a toda a túa familia. Aquel 18 de outubro do 39 nunca o esqueciches porque, ademais, coincidiu coa data en que cumprías 20 anos. Que fixestes despois as dúas irmás e os irmáns que quedastes na casa?

 

Chelo.- Todo o que pasou aquel día nunca o puiden borrar, nunca. E cada noite do 17 ao 18 de outubro apenas podo durmir. Nós quedamos na casa e íamos todos os días a chorar ao camiño. Tres días despois daquela desgracia, viñeron os meus irmáns con compañeiros e eu díxenlles: “Escoitade. Asasinaron os pais. De agora en diante, faremos o mesmo que fixeron eles para axudarvos”. Aquela traxedia inclinounos máis á loita. Fun axente do SIR (Servizo de Información Republicano), prestei todo o apoio que puiden aos meus compañeiros e irmáns e, cando se fundou a Federación de Guerrillas León-Galicia en 1942, pasei a formar parte dela, seguín como enlace e despois como guerrilleira na clandestinidade, guerrilleira do monte. Alfonso e Domingo tamén se integraran na guerrilla, ou sexa que toda a familia Rodríguez-López éramos da Federación. En diferentes momentos e circunstancias os catro caeron: Roxelio (1941), Sebastián (1942), Domingo (1946) e Alfonso (1949). Ninguén se lembra do meu irmán máis vello, Francisco, que casara e vivía en Salas de Ribera,  pero fixo moitos traballos de enlace.

 

Aurora Marco.- En que consistía a túa actividade como guerrilleira da chaira e que relación tiñas con outras enlaces? Porque cando entrevistei outras colaboradoras da guerrilla, ou familiares, xa me contaron que te coñecían e tamén á túa irmá e irmáns.

 

Chelo.- As enlaces tíñamos un papel fundamental para que os nosos compañeiros puidesen sobrevivir. Eu fun unha enlace moi forte. Axudaba en traballos de intendencia e asistenciais, como proporcionar roupa, alimentos, medicamentos; entregar cartas, avisar por onde andaba a Garda Civil, abrir novas casas de apoio, enlazar con outras compañeiras… Unha das mulleres coa que enlazaba, por exemplo, era Carmen Jérez Rodríguez, da Fervenza. Era leiteira, baixaba ao Barco a vender o produto e víamonos en Viloria. O que fixeron despois con ela foi unha salvaxada, violárona, quedou encinta e despois matárona. Non sei como se deixou prender porque era unha muller de moita coraxe. Coñecín ás enlaces de Correxais, ás irmás Valle Valle de Casaio, a moitas… As que tíñamos relación familiar ou amorosa cos que andaban no monte sabíamos unhas de outras.  Andei moito de enlace por Pena Rubia, no Páramo, que estaba a uns 40 quilómetros. Ademais diso, tamén cumprín misións moi perigosas, por exemplo, meter armas no cárcere de Ourense, onde estaba preso e condenado a morte Roxelio. Descubríronas e ao día seguinte xa o mataron.

Por esta axuda tan necesaria que prestábamos aos nosos compañeiros de ideais e de loita, estábamos moi perseguidas. Eu estiven tres veces no cárcere do Barco e tamén nos de Ponferrada e León.  Nestas prisións coincidín con colaboradoras da guerrilla: Encarnación Valle Carrera, sogra do Bailarín, Enriqueta Delgado e Carmen Fernández, mulleres de Arturín e Santos López; estiven coas mozas de Guillermo Morán, de Hilario Álvarez, de Robustiano Arias; con María Palmeiro, a muller do meu irmán Alfonso, con Paquina Nieto… Isto xa en Ponferrada. Había moitas encarceradas.

Así seguín até o ano 1945. Os compañeiros viñan seguido á casa e paraban catro, oito días, o que precisaban. Viñan uns e marchaban outros. A nosa casa sempre foi lugar de resistencia. Por alí pasaron todos os membros da Federación, entre eles, Arcadio Ríos Rodríguez, a quen coñecín en 1941 e un ano despois fixémonos noivos.

 

Aurora Marco.- Cando e por que pasaches á clandestinidade? Supoño que ao estar “queimada” como enlace, había que pór terra por medio, non? Alén de estar nos campamentos base da “Cidade da Selva”, en que outros lugares estiveches?

 

Chelo.- Sufrimos un duro golpe en Columbrianos (León), en xuño de 1945, por culpa dunha delación. Foi descuberta unha casa de apoio e, ademais de matar cinco persoas, atoparon El Guerrillero, unha serie de documentos da Federación e descubriuse toda unha rede de enlaces tanto do Bierzo como de Galiza. Decatáronse entón da importancia do movemento de resistencia e axiña comezou a represión. Viñeron á casa e detivéronnos, a min e á miña irmá (sempre íamos xuntas). Encarceráronnos en Ponferrada e León. Ao saírmos, regresamos a Soulecín para seguir axudando á guerrilla. Un enlace perdeu unha carta onde comunicábamos que estábamos de novo na casa e chegou a mans da Garda Civil,. O enlace avisounos e,  como estábamos en perigo extremo, Arcadio e Guardiña viñéronnos buscar: era o monte ou a morte. Ao marchar, dixo Arcadio: “Fortaleza derrubada”, era así como lle era coñecida a nosa casa entre os guerrilleiros.

Estiven primeiro no campamento base das Morteiras e despois no da Bruña. Alí encontrei as compañeiras do Bierzo, Alida González, a Penca, co seu compañeiro Girón; Alberta Viñales, a Chata, a Hilario, Parra, aos meus irmáns… Entón, xa nos integramos na guerrilla do monte, con armas e loitando como eles. Houbo algunhas mulleres que non as quixeron: miña irmá Antonia, Alida e a Chata. Eu aprendín a tirar nuns prados, ensinoume Arcadio, nunca me separaba da miña pistola e participei nalgúns combates onde non houbo baixas, tanto nas Morteiras como na Bruña.

“Nós éramos guerrilleiras. Síntome orgullosa desta palabra. A guerrilla, ti sabes, foi o único movemento que combateu o franquismo, despois de acabada a guerra”, Chelo.

Aínda que vivín bastante nos chozos, movíamonos moito e íamos por todas partes. Eu andei por toda a zona do Barco (Soutadoiro, Soulecín, Candeda, Correxais, Fervenza, O Meiral), estiven bastante polo Bierzo, cheguei até a fronteira con Portugal; pola parte de Lugo fun até Montefurado mais non pasei de aí. As mulleres éramos un número máis da guerrilla. O monte coñecíamolo palmo a palmo e, aínda que andábamos de noite, o paso era lixeiro porque nos orientábamos moi ben. Dos chozos a Cabañas Raras, por exemplo, había seis horas de camiño pola montaña, seis horas ao noso paso (…).

Aurora Marco

Texto ao completo en Murguía, Revista Galega de Historia vol.39!

Comments are closed.

Web xerada a partir de WordPress | Deadline Theme : inspirada en Awesem e deseño de Orman